O CGAI acolle unha master-class do director independente Jem Cohen
2010-02-08
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) organiza o xoves 18 de febreiro (17.00-19.00 horas) no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña unha Master Class a cargo do cineasta estadounidense Jem Cohen, coincidindo co ciclo que se lle dedica ao longo dos meses de febreiro e marzo de 2010, e que permitirá a este autor afondar no seu traballo. A Master Class será unha das dúas que Cohen concederá na súa estadía en España (a outra na Casa Encendida de Madrid). A entrada é libre, previa inscrición.
Estadounidense nado en Cabul (Afganistán) en 1962, Jem Cohen comeza a filmar en formatos subestándar a principios dos anos oitenta do secúlo pasado. A súa forma de traballo rapidamente o achega ao campo do vídeo musical, onde se converte no director ou parte importante das mellores pezas visuais de formacións e artistas como REM, Sonic Youth, Fugazi e Patti Smith. Crecido en Washington pero criado culturalmente nas rúas de Nova York, Cohen practica un cine underground en espírito, formas e medios, capaz de combinar a textura do Súper 8 e o 16 mm co ruído do vídeo, dixital ou analóxico, nunha obra de clara inspiración independente. Documentais, travelogues, ensaios e vídeos musicais (que non videoclips) mestúranse nunha obra tan fotográfica como musical e política, auténtica rebeldía punk levada ao cine.
A Master Class de Jem Cohen abordará o tema do documental como unha forza lírica. Cohen demostrará e argumentará a maneira en que a información do mundo actual se pode converter na base para películas que están na encrucillada dos xéneros documental, narrativo e experimental. O enfoque de Cohen con respecto ao documental anima a romper coas limitacións tradicionais a través dunha serie de preguntas: a adopción polos filmes políticos de formas radicais, a musicalidade dunha película, o papel do documental fóra da corrente principal do cine, o conflicto entre accesibilidade e subversións. A clase estruturarase como un debate ilustrado, empregando curtas e extractos das películas urbanas de Cohen e filmes musicais incluíndo NYC Weights and Measures, Instrument (Fugazi) e a recente curta, Night Scene New York.

Rúa Mónaco, 7, baixo A | 15707 Santiago de Compostela | telf: +34 981 577 747 | fax: +34 981 564 322 | e-mail: agapi@agapi.org