O Festival de Lima selecciona Agua fría de mar, de Tic Tac, para a súa sección oficial
2010-07-20
A película Agua fría de mar, de Tic Tac Producciones, chega a Perú co primeiro premio do Festival de Rotterdam baixo o brazo. Froito da coprodución entre compañías galegas, francesas, costarricenses, holandesas e mexicanas, o título será unha das pequenas películas por descubrir, como sinala o periódico peruano El Comercio.
Agua fría de mar recolle a historia de Mariana e Rodrigo, dous mozos que visitan a costa do Pacífico Sur en vacacións de Aninovo. Tarde pola noite, no medio da nada, atopan a Karina, unha nena de sete anos, que se escapou da súa casa. A parella decide quedarse con ela esa noite e buscar axuda pola mañá. Pero cando espertan, a nena xa non está.
O título é un dos poucos da reducida cinematografía costarricense. A súa directora, Paz Fábrega, formouse na Escola de Cine de Londres, e realizou dúas curtametraxes Temporal e Cuilos que recibiron unha boa acollida por parte da crítica internacional. Na súa primeira longametraxe de ficción, Agua fría de mar, a directora procurou e obtivo o apoio de cinco produtoras de cinco países diferentes e dun obradoiro de prestixio como o Torino Film Lab.
A chuvia de premios comezou no Festival de Cine de Rotterdam, onde foi un dos tres títulos recoñecidos co Premio Tigre á mellor ópera prima e recolleu alabanzas como a do crítico do xornal arxentino Página 21, quen a definiu como unha das pequenas xoias do festival.
Dende o mes de febreiro, cando gañou en Rotterdam, Agua fría de mar xa participou no Festival de Cine Independente de Bos Aires (BACIFI), no Festival Internacional de Cine de Hong Kong, nos Rencontros do Cine de América Latina de Toulouse (Francia), no Festival Internacional de Cine de Fribourg (Suíza), no Festival Internacional de Cine de Guadalajara (México), e no Festival Internacional de Transilvania (Romanía).
O Festival de Lima- Encontro Latinoamericano de Cine cumpre este ano a súa catorceava edición. Do 6 ao 14 de agosto celébrase un dos certames máis importantes de Latinoamérica.

Rúa Mónaco, 7, baixo A | 15707 Santiago de Compostela | telf: +34 981 577 747 | fax: +34 981 564 322 | e-mail: agapi@agapi.org