O programa europeo Media apoia por segunda vez consecutiva as producións de Vaca Films
2010-07-22
A Unión Europea apoia por segunda vez consecutiva a Vaca Films a través do Programa Media, na súa modalidade de axuda Slate Funding. Este ano os proxectos apoiados foron tres: Invasor, que será dirixida por Daniel Calparsoro, En ningun lugar, de Manu Sanabria, e Secuestrados, de Miguel Ángel Vivas.
Invasor é un thriller psicolóxico cheo de suspense e tensión, que conta a historia de dous médicos españois destinados en Irak e as consecuencias que causan en eles as atrocidades dunha guerra. Baseada na novela homónima de Fernando Marías, Invasor é a primeira película sobre a presenza española en Irak. Daniel Calparsoro (Salto al vacío, Asfalto, Guerreros) será o responsable de dirixir a película.
Outro dos proxectos apoiados, En ningun lugar, de Manu Sanabria (La Fiesta), conta a historia dun detective en horas baixas, Jorge Rojo, que un día recibe a visita do pai de Lucía, unha moza estudante, desaparecida misteriosamente mentres realizaba unha tese sobre as máis de 14.000 persoas en paradeiro descoñecido que hai en España.
O pai da moza acode, desesperadamente, ao detective co fin de encargarlle unha solución para o caso. A información que Lucía tiña recompilado ao longo de varios meses permitirá a Rojo desentramar un caso que lle deparará descubrimentos inquietantes e lle achegará ao escuro e perigoso mundo das mafias de tráfico de órganos.
O terceiro proxecto apoiado polo Programa MEDIA é Secuestrados, película dirixida por Miguel Ángel Vivas (Reflejos, 2005), producida por Vaca Films, en colaboración con Blur Producciones e La Fabrique 2 (Francia).
Secuestrados é un violento thriller con guión do propio Miguel Ángel Vivas, co-escrito xunto a Javier García. Unha historia cun tratamento formal valente e arriscado, chea de tensión e de plena actualidade; un secuestro express por parte dunha banda do leste a unha familia española ao longo dunha única e angustiosa noite.
O filme conta cun reparto encabezado por Fernando Cayo (El orfanato, Mataharis, Concursante), Ana Wagener (El bola, Biutiful), Manuela Vellés (Caótica Ana, Camino, Retornos) e Guillermo Barrientos (El Castigo, Hay alguien ahí).
Recentemente, Secuestrados foi adquirida por Filmax International, que se encargará da súa distribución internacional. A película será presentada no vindeiro mercado de Toronto e xa ten confirmada a súa presencia en outono nos Festivais de Sitges e Austin (Texas), dous dos principais festivais de xénero do mundo.

Rúa Mónaco, 7, baixo A | 15707 Santiago de Compostela | telf: +34 981 577 747 | fax: +34 981 564 322 | e-mail: agapi@agapi.org