TVG e Zenit Televisión rodan en Ferrol un documental sobre a historia da construción naval
2012-07-24
Televisión de Galicia e Zenit Televisión están a rodar na Ferrolterra “O milagre de Ferrol. Unha historia da construción naval”, un documental que repasa as distintas etapas dun dos estaleiros que durante séculos situou á cidade de Ferrol na vangarda mundial e punto estratéxico creador de riqueza en España.
Os logros da industria naval en Galicia xamais terían tido lugar se tres séculos antes pioneiros e visionarios da industrialización non elixiran o emprazamento estratéxico da ría de Ferrol. “O milagre de Ferrol” fai memoria e recupera aos seus artífices, tan extraordinarios na época que lles tocou vivir como o serían na actualidade: desde José Patiño, ministro de Marina ás ordes de Felipe V; pasando polo marqués da Ensenada, cuxa intelixencia e dotes de sedución conseguiron que Fernando VI accedese a construír unha frota sen igual no seu momento; ou o ilustrado mariño Jorge Juan, “El Sabio Español”, espía ao servizo do rei e transmisor dos segredos mellor gardados da náutica inglesa. Coma eles, innumerables personaxes e sucesos da historia do naval volverán á vida neste documental, mentres a cámara os sitúa nos lugares orixinais, emblemáticos da Ferrolterra. Neste senso, “O milagre de Ferrol” estase a gravar, ademais de no Arsenal de Ferrol, localización protagonista, en decorados naturais como a praia de Doniños, Monte Ventoso, o Dique de Cabana, ou en lugares destacados coma o Castelo de San Felipe, entre distintas rúas da cidade departamental. Proximamente, o equipo da rodaxe desprazarase tamén ao Museo Naval de Madrid, onde recollerán os seus fondos, considerados de valor histórico incalculable e fundamentais á hora de analizar calquera aspecto relacionado coa historia de España e, neste caso, coa industria naval. Rogelio Abraldes, director e guionista cunha ampla traxectoria no xénero documental, encárgase de guiar ao espectador nesta viaxe apaixonante no tempo, desde a Ilustración ata a actualidade. Para a súa realización, o documental conta coa axuda da Armada, do Concello de Ferrol e da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia, entre outras entidades.

Rúa Mónaco, 7, baixo A | 15707 Santiago de Compostela | telf: +34 981 577 747 | fax: +34 981 564 322 | e-mail: prensa@agapi.org