inicio   |   mapa web   |   nota legal   |   accesibilidade   |   contacta   |   área privada galego   |   español   |   english
Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera.
Galicia Audiovisual Revista
Click para ampliar

O Salón Teatro de Santiago acolle este xoves a estrea do documental SHOOTS FROM ABYSSINIA de Ovidio Fernández

2013-05-28

A Consellería de Cultura e Educación ofrece este xoves 23, ás 20.30 h, no Salón Teatro de Santiago a estrea da longametraxe documental Shoots from Abyssinia, de Ovidio Fernández. O seu fillo Abdul, etíope de nacemento e galego de adopción, protagoniza este filme, rodado no verán de 2010 durante a viaxe que realizaron ao norte de Etiopía.

Acompañounos nesta aventura Catarina, a súa filla e irmá, quen se encargou das tarefas de produción desta fita, que narra o percorrido que os tres iniciaron en Addis Abeba e culminaron nas fontes do Nilo despois de percorrer máis de 3.800 quilómetros nun todoterreo en plena época de choivas. Ovidio Fernández, cámara de Televisión Española en Galicia, puxo en marcha este proxecto co obxectivo de amosar outra cara de Etiopía unha sociedade que descoñece a realidade desta zona de África, da que proceden máis de 700 nenos e nenas adoptados durante a última década por familias galegas. O documental, que no seu título recupera o nome co que os portugueses bautizaran este país hai 450 anos, trata de rachar con estereotipos e prexuízos anacrónicos a través dunha historia que se desenvolve a modo de viaxe iniciática. A narración comeza cando Abdul, de 15 anos de idade, decide viaxar á súa terra tras catro anos vivindo en Galicia. O seu pai dálle entón o libro Historia de Etiopía, escrito en portugués en 1620 polo xesuíta español Pedro Paez, que o rapaz empregará como guía para un percorrido durante o que intentará seguir os pasos do autor. Así, na localidade de Gorgora e tras unha laboriosa busca descobren a única icona de Pedro Páez da que se ten constancia en Etiopía. A historia culmina cando Abdul chega ás fontes do Nilo, que o misioneiro español descubrira para o mundo 400 anos antes. O simbólico bautismo nesas augas, onde se mesturan lenda e realidade, serve de metáfora para o reencontro do rapaz coas súas orixes. A entrada para asistir á estrea en Santiago de Shoots from Abyssinia é gratuíta, previa confirmación de asistencia a través da web www.ovidiofernandez.com. A páxina conta, ademais, cunha sección para a achega de contribucións económicas por parte de todas as persoas interesadas en colaborar co proxecto. O 10 por cento da recadación obtida por este sistema, así como a través da comercialización do filme, será destinado a apoiar o programa de asistencia a nenos e nenas orfos que o sacerdote Ángel Olaran desenvolve na localidade etíope de Wukro. O documental estréase en Compostela como paso previo ao inicio da súa andaina na temporada de festivais cinematográficos. Nun avance deste percorrido, o pasado mes de decembro viaxou ata a India para participar na primeira edición do Delhi Internacional Film Festival, onde foi proxectado en galego con subtítulos en inglés como única fita española seleccionada. Shoots from Abyssinia contou co apoio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e coa colaboración de Xandra Tedín, Ana Cadenas e Eva Sandino na asistencia ao guión. Nestes momentos, Ovidio Fernández ultima xa a edición dunha segunda parte deste documental, na que se afondará na extensión, riqueza e variedade cultural de Etiopía a través dunha segunda viaxe realizada ao sur do país en 2011 e na que Abdi, o seu fillo pequeno, se incorporou ao equipo como co-protagonista.

Ligazóns
http://www.ovidiofernandez.com



Logo AGAPI cierre.

Rúa das orfas 23, 1º | 15703 Santiago de Compostela | telf: +34 981 577 747 | e-mail: prensa@agapi.org