inicio   |   mapa web   |   nota legal   |   accesibilidade   |   contacta   |   área privada galego   |   español   |   english
Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera. Imagen cabecera.
Formación Revista
Click para ampliar

San Sadurniño acolle este sábado a proxeción das curtametraxes gravadas na III Chanfaina Lab

2017-02-10

Un total de 22 cineastas de toda Galicia captaron coas súas cámaras durante unha fin de semana de setembro a súa particular visión deste municipio. Para algúns, o territorio éralles familiar pero para outros, un total descoñecido. Botando man da súa experiencia e creatividade, deron vida a un gran abano de historias de diverso xénero e temática. 

Contamos as horas para que cheguen as 18.30 do sábado 11 de febreiro de 2017. Ese é o momento no que está prevista a estrea das pezas que compoñen o Chanfaina Lab 2016-17. O intre de descubrirmos as miradas sobre o territorio de xente de aquí e acolá, cada unha co seu xeito de ver e de facer ver. Na Casa da Cultura pasaranse 21 pezas, todas elas moi curtiñas pero que, en conxunto, compoñen un mosaico de sansadurniños e sadurniñeses/as de arredor de dúas horas. Proxectaranse todas dun tirón xusto despois de que cada cineasta faga unha pequena introdución do que quixo contar coa súa obra. Porén, antes da proxección e das presentacións, a Concellaría de Cultura fará a presentación oficial do que será o IV Chanfaina Lab. A edición de 2017 que, previsiblemente, se celebrará na última fin de semana de agosto e na primeira fin de semana de setembro. As novidades que adiantou o departamento son que se potenciará a parte formativa do encontro e que se buscará darlle maior proxección internacional como foro de debate arredor da creación audiovisual en contornos rurais. E ata aí se pode contar de momento. O que si está pechado xá é a estrea mundial do sábado, co que se finaliza a edición do Chanfaina iniciada en setembro de 2016. Proxectaranse 21 filmes con distintos estilos e técnicas e tamén distintas maneiras de achegarse á realidade local. E é que o Chanfaina é iso, un encontro de xente que debe contar con imaxes en movemento un territorio concreto, o de San Sadurniño. Ao chamamento acudiron máis dunha vintena de realizadores e realizadoras. Nuns casos profesionais de renome e reputación -este ano houbo varios Mestre Mateo e mesmo un Goya-, noutros xente con afección ao cinema pero que se adica a outra cousa e incluso xente sen experiencia pero con ansia e valía sobradas para contar cousas con calquera dispositivo capaz de gravar imaxe en movemento. Todas e todos xuntos, cadaquén levando adiante o seu proxecto cos minutos contados e compartindo experiencias e coñecementos. Entre os nomes figuran naturais ou veciños e veciñas de San Sadurniño como os xa experimentados Patricia Lamas, Miguel Sanjurjo xunto co resto do colectivo Con Suma Conciencia, Abel Vega e Fran Bermúdez, a quen se lle incorporaron os chanfaineiros primeirizos Bieito Beceiro, Sebastián Rodríguez e Pablo Martínez. Tamén xente chegada de Ferrol: Natalia Porca, Lara e Noa Castro e Marcos Lourido. E dúas pontesas, Ana Seijo e Sabela Pernas,(Videodinamizarte) que ofreceron o obradoiro “Retrata San Sadurniño: son de aquí e miro así” co que se abrirá a proxección do sábado. Canda eles e elas o Chanfaina contou con relevantes cineastas procedentes doutros puntos máis alonxados do país. Nomes -e renomes- como o de Lois Patiño, Lara Bacelo, Eloi Domínguez Serén,Carla Andrade, Claudia Brenlla, Jorge Coira, Ángeles Huerta, Pablo Millán, Marta Piñeiro e Beatriz del Monte. A única norma que se lles puxo foi a de limitar a súa visión ao ámbito territorial de San Sadurniño e, a partir de aí, que fixesen o que quixesen ou puidesen, quer tirando de historias investigadas previamente, quer deixándose levar pola sorte do “a ver que atopo”. Desta maneira, o sábado poderemos ver o resultado dun proceso creativo que ten o mérito de parir obras variadas en escasos dous días de gravación. Obras diversas en argumento que, igual que en anteriores citas, non deixarán a ninguén indiferente. Velaí a relación de películas que poderemos ver o sábado á tarde: Retrata San Sadurniño: Son de aquí, miro así. Obradoiro de videocreación . 5.13 min Pois iso, que te quero. Beatriz del Monte 10.00 min Deuteronomio 7:20. Marta Piñeiro 15 min O libro. Bieito Beceiro e Sebastián Rodríguez. 5.52 min Turulele. Claudia Brenlla. 8 min O ollo cobizoso. Lara e Noa Castro. 7.44 min O meu traxecto ó colexio. Pablo MartÍnez. 3.14 min Sibila. Carla Andrade. 8.30 min Mañá cocemos. Abel Vega. 11.35 min Españolizer-pro. Con Suma Conciencia. 1.08 min Flipacan. Con Suma Conciencia. 0.31 min Sentimentos. Fran Bermúdez. 3 min Here. Natalia Porca. 5.31 min Tempo morto. Marcos Lourido. 4.48 min Soli, soli. Eloi Domínguez Serén. 8 min Superficial. Unha ollada á superficie de San Sadurniño e a unha pequena historia dun suspiro. Jorge Coira. 6 min Próxima estación, San Sadurniño. Ángeles Huerta. 9.03 min Itaca. Lara Bacelo. 1 min Tempo Vertical. Lois Patiño. 5 min Negra sombra. Pablo Millán. 3 min Ocultas na paisaxe. Sabela Pernas. 3.24 min O evento está patrocinado polo Concello de San Sadurniño e a Deputación de Coruña. Todas as curtas poderán visionarse libremente a partires das vindeiras semanas, do mesmo xeito que poden verse as participantes nas edicións anteriores na Web colaborativa FalamedeSan Sadurniño.org

Ligazóns




Logo AGAPI cierre.

Rúa das orfas 23, 1º | 15703 Santiago de Compostela | telf: +34 981 577 747 | e-mail: prensa@agapi.org